Noticias
-
Galicia é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante no segundo trimestre do ano, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.393 euros, fronte aos 6.699 euros da media española, co que cada galego debe hoxe 2.306 euros menos que a media autonómica. Con estes datos, Galicia, co 17,7%, ten un diferencial positivo de débeda coa media de 7,2 puntos no segundo trimestre, xa que o conxunto das CC.AA. ten unha ratio débeda/PIB do 24,9%.
-
A Xunta de Galicia advirte de que só a máxima participación das Comunidades Autónomas no reparto dos fondos europeos permitirá que se lles saque o máximo partido. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen participou o mércores en Madrid nun seminario organizado pola Comisión Europea para analizar e impulsar os investimentos para unha economía verde, dixital e xusta, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O responsable da Facenda galega apuntou que existen dificultades para a súa xestión óptima, como a falta dunha planificación consensuada.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta aplicará ata o 31 de decembro, un desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico e estenderáas rebaixas ao transporte da ría de Vigo e ao ferrocarril na área de Ferrol. A redución temporal do prezo aplicarase ás tarifas dos bonos mensuais, así como ás viaxes aboadas coas tarxetasde Mobilidade de Galicia. Rueda, quen enmarcou esta nova medida na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, fixo referencia aos fondos anunciados en xuño polo Goberno central para que as autonomías apliquen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia a partir do 1 de setembro.
-
A economía galega medrou no segundo trimestre do ano 2022 un 4,4% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao segundo trimestre deste exercicio. En canto á evolución intertrimestral, o PIB autonómico medrou un 1,1%. Desde o punto de vista da demanda, neste segundo trimestre o gasto en consumo final dos fogares e ISFLSF medrou no último ano un 1,8% e as exportacións de bens e servizos aumentaron un 7,3%. No que respecta á oferta, en termos anuais, os servizos medraron un 6,5%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+19,7%); e a industria manufactureira un 4,7%.
-
En concreto, contruiranse novos viveiros en Cospeito, Bóveda e Baleira (Lugo), así como na Veiga e no Carballiño (Ourense). Tamén en Val do Dubra (A Coruña) e Dozón (Pontevedra). Estarán apoiados a través de axudas autonómicas que suman 1,68 millóns de euros e que alcanzarán un investimento total de 2,3 millóns. Xunto con estas axudas, a Xunta de Galicia tamén concedeu 3,25 millóns de euros para impulsar a mellora das infraestruturas dos polígonos empresariais de 38 concellos galegos para acondicionar viais, instalar sistemas de seguridade e vixilancia, xestionar residuos e depurar augas, entre outras actuacións.
-
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a responsabilidade social empresarial (RSE) a través do programa Responsabilízate, para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade. O programa permite asesorar de xeito gratuíto ás firmas participantes na incorporación de criterios sostibles á súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza. A actuación, ademais, inclúe o acompañamento na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Enerxía a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética, que, tal e como lembrou, 'non foi consensuado en ningún momento coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos'. Así, avogou por que se poida atopar un acordo e tomar medidas cun impacto real 'nese obxectivo compartido para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética'. Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación trasladou ao Goberno que desde a Xunta de Galicia se ofrece “a máxima colaboración e implicación de Galicia” no desenvolvemento deste tipo de actuacións, pero dándolle prioridade ao que están pedindo tanto familias como tecido produtivo.
-
Galicia acadou no mes de xullo a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica (desde 1996) con 139.850 persoas desempregadas. O paro cae e as afiliacións aumentan tanto na evolución anual como mensual. Con respecto a xuño, o paro cae en Galicia (-0,77%), mentres que en España aumenta (+0,11%). De feito, a comunidade galega posiciónase como a cuarta rexión na que máis descende o desemprego tanto en termos relativos como en absolutos. Decreceu nun 0,77%, caendo en todos os sectores de actividade, excepto nos servizos. Liderou o descenso a agricultura e a pesca (-4,04%). O paro tamén baixou nos principais colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, destacando o ritmo de caída entre os menores de 30 anos (-4,97%).
-
A Xunta vén de aprobar un límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023 de 12.599 millóns de euros, o máis alto da historia da Administración autonómica, para atender as prioridades dos galegos. Concretamente, o teito aprobado hoxe no Consello extraordinario sitúase un 8,2 % por riba do orzamento do presente exercicio, o que permitirá elevar a capacidade financeira da Comunidade en 958 M€. Esa marxe adicional destinarase a desenvolver os eixes expostos no debate de investidura: traballo, familia e futuro. Galicia é a primeira comunidade autónoma que adopta esta decisión.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2022. Nel destácase que España e Galicia están 'lonxe aínda de recuperar os niveis económicos prepandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia' e apúntase como 'novos factores de inestabilidade' a elevada inflación, os confinamentos manufactureiros en China, o conflito en Ucraína, o retraso na execución española dos fondos europeos e o crecente clima de incerteza financeira internacional.