Noticias
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.
-
A economía galega medrou no ano 2023 un 1,8%, segundo se desprende do informe de contabilidade trimestral referente ao cuarto trimestre do ano pasado, publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, cúmprese a revisión á alza das previsións macroeconómicas feita polo Goberno galego o pasado mes de outubro, proba do realismo e a prudencia nas estimacións dos orzamentos autonómicos. Ademais, Galicia encadea xa tres anos de crecemento logo da pandemia. O informe mostra tamén que no 4º trimestre do ano, o PIB aumentou un 1,8% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,8%.
-
Foron presentadas novas edicións dos programas Mentoring Traballo Autónomo e Galicia Camiño Emprendedor cos que a Xunta busca, entre outros, impulsar a consolidación de empresas e negocios. A primeira das iniciativas desenvólvese en colaboración coa Fundación Ronsel desde o ano 2020 para reducir os riscos na actividade profesional das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.
-
Galicia comeza 2024 con 131.101 persoas en paro: a cifra máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, é dicir, desde hai 28 anos (1996). A baixada reflectida na evolución anual (-9,62%) sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma na que máis caeu o paro. Galicia conta con 13.947 persoas menos en situación de desemprego que en xaneiro de 2023. A caída reflectida tivo lugar nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a industria (-14,23%), seguido da construción (-12,22%). Por colectivos prioritarios, a cifra de menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, desde 2005. En canto ás afiliacións, Galicia gañou no último ano 19.793 cotizacións á Seguridade Social e segue a superar o millón (1.050.530) cun nivel superior ao reflectido hai 15 anos.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica IV/2023. Nel destacan que nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa unha ralentización. Porén, engaden os seus autores, “as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. Segundo o documento, o PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, e en termos intertrimestrais a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior á estimada na zona euro e que contrasta coa suba do 0,3% en España.
-
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na xornada de presentación de HI_MOV, un proxecto europeo enmarcado no Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. No acto, celebrado no Porriño, o director xeral puxo en valor o traballo que se está realizando para avanzar nas posibles aplicacións do hidróxeno verde na mobilidade sustentable. Así, o proxecto busca articular un ecosistema transfronteirizo que impulse a cadea de valor emerxente ao redor do hidróxeno verde e, especificamente, no eido da mobilidade.
-
Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024 logo de que o Parlamento galego dera hoxe o visto e prace definitivo ás contas do vindeiro ano. Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 13.257 millóns de euros para Investir en estabilidade, nas persoas e no futuro. Así, os recursos orzamentarios de 2024 garanten o crecemento estable; consolidan todas as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,1 % no terceiro trimestre do ano, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do terceiro trimestre de 2023 a quinta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é tamén seis décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior, cando foi do 16,7 %. Ademais, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica 6,2 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se situou ao peche do terceiro trimestre en 22,3 %.
-
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a autorización por parte do Consello da Xunta do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia para manter conxeladas en 2024 as peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) e continuar aplicando as bonificacións activas. Deste xeito, segundo precisou, o Executivo autonómico vai destinar o vindeiro ano 5,5 M€ a estas dúas actuacións, 'beneficiando aos preto de 28.000 usuarios diarios destas dúas vías'.
-
Os principais factores que limitan o crecemento do tecido empresarial galego son o exceso de burocracia e a falta de financiamento, unido á escaseza de persoal cualificado e ás dificultades para acceder a axudas e subvencións. Así o explicaron este xoves os catedráticos e investigadores do grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, Santiago Lago e Patricio Sánchez, na presentación do informe Tecido empresarial galego e dinámica empresarial. Análise comparada, elaborado por encargo do Consello Económico e Social de Galicia.