Noticias
-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que, entre outros, asistiu o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), Demetrio Fernández. Na reunión aprobáronse os obxectivos e determinouse a actividade prioritaria a desenvolver pola Inspección de Traballo en Galicia ao longo de 2024.
-
A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE. En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.
-
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que máis do 70 % dos autobuses que conforman a frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría ambiental C e case o 22 % é eco. Vázquez Mourelle, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe en Coirós na inauguración da primeira estación de servizo de Galicia con combustible 100 % renovable, impulsada por Repsol. A conselleira puxo en valor o compromiso do Goberno galego nese obxectivo común e compartido con Repsol pola descarbonización da mobilidade.
-
Segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (o 38% do emprego en Galicia) estarían afectados polo risco de automatización. A substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías. Cabe destacar o especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
-
Está en marcha o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reducir ao mínimo as vítimas en accidentes e acadar o obxectivo de cero vítimas, é dicir, con 'visión cero'. Este plan, recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, ten dúas metas fundamentais: diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías con respecto a 2019, e reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables (peóns, ciclistas ou motoristas).
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,7% no segundo trimestre do ano, a niveis do ano 2012 segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do segundo trimestre de 2023 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é sete décimas inferior á rexistrada no primeiro trimestre do ano cando foi do 17,4%, e sitúase tamén, tres décimas por debaixo da ratio rexistrada ao peche de 2022 (17%).
-
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou os resultados do estudo 'A Economía Galega Informe 2022'. A análise conclúe que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución "moi positiva" do emprego feminino. Ademais, valora o "impacto positivo da reforma laboral" na redución da temporalidade e o aumento na contratación fixa-discontinua, malia non acadar unha mellora na contratación en prácticas e formación. O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados (CEA).
-
A Xunta fixase como obxectivo que para o remate do ano 2023, os mozos e mozas galegos menores de 21 anos teñan feito 6 millóns de viaxes no transporte público autonómico de xeito totalmente gratuíto, o que suporá 1 millón de viaxes máis que no ano 2022. Estes datos foron revelados na presentación da campaña 'Móvome', que ten como obxectivo fomentar o uso do transporte público na nosa comunidade, para así axudar a consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para a cidadanía.
-
O transporte público de titularidade da Xunta rexistra máis de 18 millóns de viaxeiros no primeiro semestre do ano, un 17 % máis que no mesmo período de 2022. Os datos do primeiro semestre avaliados constatan o avance continuado na recuperación da demanda de transporte público, tras a caída desde o inicio da pandemia da covid-19.